O remeiro porriñés Serxio Martínez Troitiño, que vén de facer dobre podio na 42 Regata Internacional de Gondomar, foi recibido na casa consistorial como mostra do recoñecemento do seu pobo aos seus logros deportivos.
Serxio, que ten de 18 anos, disputou a proba lusa co seu equipo, o Remo do Miño, alzándose co ouro na categoría 4x xuvenil masculino e o bronce na 8+ absoluto masculino. Suma así dous novos recoñecementos ao seu palmarés, que pese a levar pouco tempo, medra de maneira proporcional ao esforzo deste mozo remeiro.
E é que Serxio comezou a practicar remo hai tan só dous anos e o fixo, tal e como el relata, de maneira totalmente casual, cando , cando un compañeiro de traballo do seu pai que practicaba esta modalidade deportiva o convidou a probala e dende entón converteuse na súa paixón.
“Enganchoume totalmente” , explica Serxio, “O remo é un deporte moi completo e esixente, que require un rendemento físico e mental moi alto, algo que me gustou e ademais aquí contamos co Miño, que para adestrar é un luxo, dos mellores”.
É esta entrega a que o leva a compaxinar os seus estudos de 2 de bacharelato no Pino Manso cos seus adestramentos practicamente diarios, pese ao esforzo que iso conleva. Agora está xa coa vista posta nas próximas competicións, o Campionato Galego de Remo Olímpico que se disputará en poucas semanas, e o seu gran obxectivo, o Campionato de España.
O rexedor, Alejandro Lorenzo, felicitouno en nome de todo o pobo do Porriño polos seus logros e animouno a seguir disfrutando do seu deporte “os teus éxitos sentímolos nosos e estou segurísimo que a finais de xuño estaremos aquí recibíndote para darche a noraboa por ese Campionato de España”.