Preto de 150 nenos e nenas do Porriño participan estes días na actividade “Coa comida si se xoga”, impulsada polo Concello do Porriño a través da Concellería de Educación, que dirixe Carolina González, e a OMIX.
Este programa, no que participa o alumnado de educación infantil dos centros educativos do municipio, ten como obxectivo principal consolidar a adquisición de hábitos de vida saudables, en especial alimentarios, dende idades temperás e o fai mediante o xogo.
“A construción de rutinas, que posteriormente se converterán en hábitos, é esencial na etapa da Educación Infantil, xa que reporta enormes beneficios aos pequenos e pequenas, axudándoos no seu desenvolvemento integral e na formación da súa personalidade”, apuntou a concelleira, “Entre estes hábitos están o de ter unha alimentación adecuada, a actividade física diaria, ou os correctos hábitos do sono e a hixiene. Para evitar a resistencia a eles, aconséllase comezar canto antes coa súa aprendizaxe e posta en práctica”.
No mesmo sentido se expresou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a súa visita á primeira xornada que se celebrou esta mañá no CEIP Cruz Budiño e na que puido comprobar de primeira man a implicación e interese dos pequenos. “Son especialmente receptivos e a través dos xogos que se lles propoñen coñecen os distintos tipos de alimentos e a súa frecuencia de consumo para ter unha alimentación variada ademais de coñecer a procedencia dos que máis coñecen”, concluíu o rexedor, “Sen dúbida móstranse moi interesados no que están a aprender e iso é moi bo sinal”.