O campo municipal do Lourambal acolle hoxe a primeira fase do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol 11 e fútbol 8 organizado pola Federación Galega de Fútbol. Unhas xornadas de fútbol en estado puro nas que se darán cita máis de medio milleiro de futbolistas chegados e chegadas de toda Galicia que disputarán o campionato masculino no Porriño e o feminino en Mos.
Os partidos sucederanse durante toda a xornada de hoxe. En Fútbol 8 dispútanse catro na primeira fase e dous na segunda, un total de seis encontros, outorgándose tres puntos por vitoria e un por empate. A suma de puntos totais obtidos nas dúas fases ditaminará as catro seleccións clasificadas para as semifinais.
En Fútbol 11, pola súa banda, dispútanse dous partidos na primeira fase e un partido na segunda fase, outorgándose tres puntos por vitoria e un por empate. A suma de puntos totais obtidos nas dúas fases ditaminará as catro seleccións clasificadas para as semifinais
O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, sinalou que “desde que a Federación nos presentou a iniciativa vimos que debíamos estar ao lado deste evento e estamos moi orgullosos de poder acoller ás dezaseis seleccións galegas que van. Será seguro un torneo inesquecible para todos eles”. Salientou tamén “o traballo do Porriño Industrial” e o feito de “compartir esta organización co Concello de Mos”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, reiterou o agradecemento ao club anfitrión, o Porriño Industrial FC “a súa aposta polo fútbol base, que non se limita só á súa contribución a eventos como este senón a un traballo constante coa canteira ao longo do ano” e destacou a importancia deste torneo no que “participan deportistas cunha gran proxección no fútbol galego”.