O Concello do Porriño prepara xa o Entroido 2023 e vén de publicar as bases nos desfiles de comparsas que se celebrarán o sábado 18 de febreiro e martes 21 de febreiro.

A participación está aberta a todas aquelas comparsas constituídas como asociacións ou clubes sen ánimo de lucro que teñan un mínimo de 10 compoñentes. A inscrición abre o 30 de xaneiro ata o 10 de febreiro, ambos incluídos, e debe formalizarse no Rexistro Xeral do Concello.

Tal e como recollen as bases haberá dúas modalidades, infantil (ata 12 anos) e adultos (a partir de 13 anos).

Este ano os grupos optarán a premios de ata 1.200 euros, dependendo do número de compoñentes da comparsa (300 euros de 10 a 19 compoñentes, 550 euros de 20 a 39 compoñentes, 850 euros de 40 a 55 compoñentes, 1.000 euros de 56 a 85 compoñentes 1200 para as de máis de 85 compoñentes). O importe máximo que se establece é de 13.950 euros polo que os premios se repartirán ata acadar esta cifra seguindo rigorosamente a orde de inscrición.

As bases poden consultarse na seguinte ligazón:  https://oporrino.org/documentos/bases-entroido-2023/

Impreso de solicitude:    https://oporrino.org/documentos/inscricion-desfiles-comparsas/

Modelo de declaración responsable:  https://oporrino.org/documentos/declaracion-responsable-entroido/

 

II Concurso Escolar de Carteis do Entroido

Os nenos e nenas serán de novo os encargados de deseñar o cartel e dar o pregón do Entroido porriñés. Dende a Concellería de Educación e Normalización Lingüística convócase o II Concurso Escolar de Carteis do Entroido no que se buscan as mellores ilustracións para promover estas festas no Porriño.

Neste concurso, elaborado de forma conxunta polos servizos municipais da OMIX e Normalización Lingüística, poderá participar todo o alumnado dos centros educativos do Porriño, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Nesta edición establécense 3 categorías  (de 6 a 8 anos; de 9 a 12 anos e de 13 a 16 anos) para as que haberá 1º, 2º e 3º premio en cada unha delas, 9 persoas premiadas en total que recibirán un lote de material escolar. Ademais, de entre todos os carteis premiados escollerase un que será a imaxe do Entroido do Concello do Porriño 2023 e a persoa creadora do cartel dará o pregón do Entroido 2023.

Un ano máis , o Concello pretende, a través deste concurso, implicar á cidadanía máis nova na organización da súa axenda cultural; así como promover e dinamizar a lingua e cultura galegas valéndose dunha festividade tan vencellada á nosa tradición cultural. Os carteis do Entroido serán expostos no Centro Cultural Municipal e mais nas redes sociais do Concello.

Dende a OMIX e o Servizo de Normalización Lingüística animan a participar a toda a comunidade escolar para formar parte da imaxe do Concello do Porriño nestas datas festivas.

Pódense consultar as bases do concurso na seguinte ligazón: https://oporrino.org/documentos/bases-ii-concurs…-cartel-entroido/