O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Política Social, Rosario Costas, visitaron esta mañá as escolas infantís da rede Galiña Azul no Porriño, onde deron a benvida aos nenos e nenas que esta semana inician o novo curso.
Son 100 os pequenos e pequenas de 0 a 3 anos matriculados nestas escolas: 50 na Galiña Azul de Doantes de Sangue e outros tantos na de Torneiros. O Concello do Porriño levou a cabo melloras en ambos centros durante estas vacacións estivais, co fin de que os cativos e cativas tiveran a mellor volta ao cole.
En Doantes de Sangue acometéronse melloras na carpintería do centro, na instalación eléctrica e pintouse. Pola súa banda en Torneiros reparáronse os paneis plásticos de protección das paredes e pintouse a escola por completo, ademais de instalar unha lavadora nova.
O alcalde, tratou coas directoras de ambos centros outras melloras a acometer e aproveitou para felicitalas polo gran traballo que desenvolven. “O voso traballo é esencial e permite, ademais de facilitar ao máximo a conciliación das familias, que os nenos e nenas comecen a socializar e aprender dende ben pequeniños”. En definitiva, “facedes máis doado o día a día das familias”.