- Imaxe: Cris Andina
O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, será o pregoeiro das Festas do Cristo 2022. Así o deu a coñecer hoxe o alcalde, Alejandro Lorenzo, poñendo nome ao protagonista do esperado pistoletazo de saída das festas patronais.
O rexedor quixo agradecer ao pregoeiro que aceptase a proposta do Concello para ser o persoeiro destacado destas festas. “Podemos dicir que Pato é un símbolo do noso pobo, tanto a nivel cultural como persoal; un porriñés de corazón e un grandísimo embaixador da nosa vila”, apuntou o rexedor, “Conta coa condición indispensable para subir ao balcón como pregoeiro: sentir paixón polo Porriño e levalo sempre por bandeira”.
Pola súa banda, Alfonso Pato, destacou que “é toda unha honra para min dar o pregón das Festas e máis aínda neste ano tan sinalado, no que o Festival de Cans cumpre 20 anos”.
Unha importante traxectoria cultural e xornalística
Alfonso Pato é Director do Festival de Cans desde a súa primeira edición en 2004, onde formou parte do equipo fundador que puxo ao Porriño no mapa cultural nacional e internacional.
Ademais da súa visibilidade como director do Festival de Cans, Alfonso Pato é Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago e ten unha traxectoria xornalística de máis de trinta anos traballando en ámbitos da comunicación en medios como Xornal Diarioe El País, en TVE e na TVG, ademais de multitude de produtoras audiovisuais. Na actualidade escribe habitualmente en El diario.es.
Na TVG desenvolveu unha longa traxectoria como guionista e como director de programas en máis de trinta espazos diferentes. Entre eles, foi director de “Onda Curta” , primeiro programa sobre curtametraxes feito en Galicia, e polo que gañou un Premio Mestre Mateo en 2010. A título individual, foi galardonado tamén co Premio da Cultura que otorga o CRC de O Porriño, unha das grandes entidades locais.
En calidade de xestor de accións culturais singulares nun entorno rural, ten participado en encontros e coloquios por toda España (Bilbao, Oviedo, Cáceres, Madrid, Barcelona…) e en países como Portugal, Francia, Bélxica ou Inglaterra, en universidades galegas e noutras de fóra de Galicia como Deusto, Universidade Católica do Porto, ou Université Sorbonne- Paris 3, de París.
Pertence aos socios fundadores do Sindicato Profesional de Xornalistas de Galicia (SPXG), foi membro do Consello Asesor do Centro Dramático Galego (2010-2012), directivo da Asociación Galega de Guionistas (AGAG) (2011- 2015), sendo un dos impulsores da recentemente constituída Coordinadora de Festivais de Cinema de Galicia, Proxecta.