No Porriño hai encraves cun enorme valor patrimonial e histórico. Lugares que foron puntos de encontro de varias xeracións e que nos permiten entender a historia sociocultural do pobo. Un deles é o conxunto de lavadoiro e fonte da Pousadela, na parroquia de Pontellas, que será obxecto dunha reforma que recuperará o seu valor patrimonial.
 
“O que pretendemos con esta rehabilitación é correxir unhas obras realizadas hai anos que se executaron en formigón, un material que non harmoniza nin co lavadoiro nin coa contorna natural na que se atopa, provocando un importante impacto paisaxístico”, explicou o edil de obras, Ramón Porto.
 
Con ese obxectivo, substituirase a actual cuberta e os dous piares de soporte feitos de formigón, por elementos máis acordes co lavadoiro tradicional. Concretamente por dúas columnas de pedra similares as outras dúas existentes e por unha nova cuberta tradicional con estrutura a base de madeira e cuberta de tella cerámica. Tamén se mellorará o acceso ao mesmo.
 
“Queremos recuperar o carácter orixinal e o valor histórico-artístico e etnográfico deste conxunto, comezando por correxir o exceso de formigón”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Somos moi conscientes da importancia de manter e acondicionar os elementos que conforman o noso patrimonio e evitar que o tempo os termine destruíndo irremediablemente”.
 
As obras de mellora e embelecemento do conxunto contan cun orzamento de 11.000 euros e están financiadas pola Deputación de Pontevedra.