Aproveitando as vacacións de Semana Santa, o Concello do Porriño levou a cabo melloras nos centros educativos do municipio.
Operarios municipais levaron a cabo as reformas demandadas pola comunidade educativa, ademais de pequenas actuacións necesarias para garantir a seguridade e accesibilidade.
Entre elas, a reparación da baixante e canalización de pluviais do pavillón do CEIP Plurilingüe de Atios, o acondicionamento de parte do patio do CEIP Cruz Budiño, e a execución do acceso adaptado no IES Pino Manso e no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, onde tamén se acometeu a mellora de varias portas do ximnasio e a reforma do coñecido Kiosko para transformalo na Biblioteca de Patio.
Ademais, leváronse a cabo traballos de poda e xardinería nos diferentes centros. Ao término das vacacións as melloras nos centros escolares continuarán tal e como están programadas polo Goberno Local.
“Que os nenos e nenas do Porriño poidan cursar os seus estudios nas mellores condicións é unha prioridade para este goberno”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Apostamos por unha educación pública de calidade e no marco das nosas competencias non escatimaremos esforzos para que así sexa”.