A Casa do Concello do Porriño xa loce desde esta tarde, a frecha amarela e o logotipo do Xacobeo 2021-2022, como corresponde a un municipio referente do Camiño Portugués a Compostela.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda xunto co alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo participaron no acto de aceso da iluminación artística que se proxecta contra a fachada lateral do edificio obra do arquitecto Antonio Palacios. Ao acto tamén asistiron Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta en Vigo, e concelleiros do equipo de goberno municipal.
O vicepresidente da Xunta manifestou que “a Casa Consistorial do Porriño é un emblemático edificio de Antonio Palacios que merecía ser iluminado, xunto cos outros 50 edificios polos que pasa o Camiño igual que outros 50 en todo o mundo”. Rueda que ten entre as súas responsabilidades a carteira de Turismo, subliñou a importancia do Camiño Portugués “que aglutina case o 30% dos peregrinos que chegan a Santiago”. E lembrou que “neste Xacobeo, en tan só seis meses pasaron polo Porriño arredor de 40.000 peregrinos”.
Pola súa banda Alejandro Lorenzo salientou que “este é un dos primeiros actos que teño como alcalde deste Concello e para min é unha honra poder facelo. Hoxe para min é un día de inicios. Co acendido do Xacobeo non só iluminamos o Camiño de Santiago no Porriño, tamén o camiño que comezo ao fronte deste Concello e xunto con todos vós”
O rexedor municipal expresou que “O Porriño é un pobo con moito potencial e o Camiño de Santiago e un gran altofalante de todo o que podemos ofrecer. Ao iluminar a fachada da nosa Casa Consistorial como enclave destacado do Camiño, iluminamos tamén O Porriño cara o resto do mundo”, rematou Alejandro Lorenzo.