A Concellería de Emprego e Promoción Económica que dirixe David Alonso fixo público un balance sobre a evolución do paro no Porriño na última década. Os datos indican que entre 2011 e 2021, preto dun milleiro de persoas en Porriño abandonaron as listas do paro e conseguiron traballar.
En concreto en 2011, o número de parados rexistrados en Porriño era de 2.311 desempregados, namentres que en 2021 (con datos ata 30 de novembro) é de 1.391 desempregados.
Como se pode apreciar no gráfico adxunto, o peor dato de paro anual rexistrouse no Porriño en 2013 cando se alcanzou o teito con 2.649 desempregados. A tendencia a partir de 2014 comezou a mellorar e só tivo unha ruptura en 2020, debido á pandemia, cando pasou a 1.713. Pola contra, este 2021 foi un ano de manifesta recuperación, con continuos descensos do número de parados de xaneiro a novembro, como acreditan os datos do Instituto Galego de Estatística e Consellería de Emprego da Xunta de Galicia.
O concelleiro David Alonso subliñou a súa satisfacción polos datos e “congratulámonos de que as accións realizadas polo noso departamento están a dar os seus froitos. Alonso Bargiela lembrou que decidirá dotar con máis persoal ao departamento para as tarefas de orientación laboral e prospección.
O concelleiro tamén valorou a importancia que están a ter os programas de formación como o que remata esta semana en Porremprego coa entrega de diplomas aos participantes que realizarán o venres o alcalde accidental, Pedro Pereira e o propio David Alonso aos participantes nos cursos de estacións de servizo, manipulador de alimentos, mozo de almacén, busca activa de emprego, básico de limpeza industrial e electromecánica básica.
Alonso tamén destacou a labor que fai “Porriño Accede”, o programa de prospección e formación municipal, que organiza cursos de formación con prácticas en empresas e que leva atendidos a 93 usuarios/as no que vai de ano, acadando a inserción laboral de 63 persoas en empresas do Porriño.