Os representantes de todos os centros educativos de Porriño que participaron hoxe no pleno infantil que se celebra coa ocasión do Día Mundial da Infancia que se conmemorará mañá, acordaron por unanimidade que o Concello organice e lidere unha nova iniciativa “GivingTuesday” (Martes de dar).

Consistirá na recollida de alimentos e produtos de hixiene e a súa posterior clasificación para que sexan repartidos entre as familias con menos recursos do municipio.
Tamén os nenos e nenas acordaron por unanimidade sumarse á petición doutros concellos pontevedreses que solicitan a celebración dun pleno infantil anual na Deputación no que poidan participar os representantes dos distintos consellos municipais da infancia existentes na provincia. A solicitude trasladarase á presidenta da Deputación, Carmela Silva.


No pleno infantil os representantes do CEIP de Atios, CEIP Cruz-Budiño, CEIP da Ribeira, CEIP Antonio Palacios, CPR Santo Tomás, CEIP Fernández López, Centro ACEESCA, IES Pino Manso, CPR Hermanos Quiroga e IES Ribeira do Louro, expuxeron as súas propostas para que Porriño sexa un concello máis sostible.
As peticións máis repetidas foron carrís bici, unha piscina ao aire libre ou polo menos uns chorros para refrescarse no verán, máis papeleiras, limpeza do paseo do río Louro e o traslado das instalacións de “Coren” a un polígono industrial.

A concelleira de Educación, Lourdes Moure que presidiu a sesión, asistida por Noelia de la Fuente, responsable da OMIX do Porriño, tomou nota de todas as peticións dos rapaces e aproveitou para reiterarlles que mañá sábado vaise celebrar o “Pinchoneno”, a versión infantil do “Pinchorriño”, que foi unha das peticións que a infancia porriñesa fixera hai tempo.