A Concellería de Festexos informa que, debido á previsión meteorolóxica, decidiu cambiar o lugar onde se celebrarán as dúas próximas quendas de clasificación do xogo “Trivium Porriño”, previstas para o venres 24 e o sábado 25. Terán lugar no pavillón do colexio “Fernández López” onde se instalará o escenario para o desenvolvemento das dúas probas. Haberá público con aforo limitado.
Mantense a hora prevista, a partir das 18.00 horas, os dous días.
As dúas primeiras quendas celebraronse a fin de semana pasada no Parque do Cristo.
“Trivium Porriño” é un xogo similar ao “Trivial” pero personalizado na nosa vila para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre Porriño. Preparáronse 1.500 preguntas sobre O Porriño relativas á historia, xeografía, ciencia e natureza, arte e literatura, deportes e entretemento.
“A infografía do escenario do xogo vai centrada no Pan do Porriño e na súa receita como referencia á nova meta acadada coa concesión da Marca Protexida Pan do Porriño”, segundo sinalou Cami Moreira, concelleira responsable.
Organizan a Concellería de Festexos e a OMIX do Concello de Porriño, coa produción de “Especialistas Hípica Celta”. Trátase dunha nova proposta de lecer que se desenvolve na programación das Festas do Cristo 2021.