O Concello do Porriño anuncia que o vindeiro venres 10 terá lugar a clásica ciclista “A Nocturna” que contará cunha participación de 250 deportistas distribuídas/os en oito categorías. Esta proba, que se celebra sempre ao abeiro das Festas do Cristo, recupera o seu sitio no calendario ciclista nacional, despois do paro causado pola pandemia en 2020.
A Federación Española de Ciclismo inclúea entre as probas clásicas da categoría elite. Non obstante, o concelleiro de Deportes, David Alonso, anunciou que “o propósito do Concello é acadar que esta carreira sexa declarada unha clásica histórica, tendo en conta as condicións do circuíto e as súas peculiaridades por celebrarse de noite e por eliminación”.
O circuíto no que se celebrará “A Nocturna”, con saída e chegada na praza do Concello, discorre por un percorrido de 1.000 metros polas rúas do centro da vila nas que haberá restricións de aparcadoiro e cortes de tráfico, segundo anunciou a Policía Local. Achegamos unha imaxe co aviso da Policía Local.
A competición comezará ás 18 horas e rematará ás 23 horas. O club ciclista porriñés “Louriña Cycling Team” é o encargado de organizar o evento e o seu presidente, Juan Álvarez, é un dos antigos gañadores desta proba.