A alcaldesa Eva García manifestou “a satisfacción do Concello polos compromisos adquiridos pola Consellería de Educación” para arranxar centros de ensino do municipio, que “agardo que sexa un sinal dun cambio de actitude da Xunta de Galicia cara ao Porriño e que esa atención ás nosas necesidades non remate aquí”, declarou hoxe a rexedora.
García de la Torre valorou hoxe como “moi necesaria” a obra de mellora da eficiencia enerxética do Instituto de Ensino Secundario “Pino Manso” que presentou onte o conselleiro Roman Rodríguez cun investimento de máis dun millón e medio de euros.
A alcaldesa subliñou tamén o compromiso acadado con César Pérez Ares, o xefe territorial de Educación que acompañou o conselleiro, para “acometer no Colexio Fernández López a retirada da actual cuberta de uralita que ten amianto e a súa substitución por materiais máis modernos e non nocivos”. Nesta obra o Concello “vai colaborar coa remodelación dos teitos da parte das aulas de educación infantil, de acordo co proxecto que a Consellería realizou e que nos enviará nos vindeiros días para establecer a nosa colaboración orzamentaria”, rematou Eva García.