Preto dun milleiro de persoas foron atendidas no punto de información habilitado polo Concello en colaboración co ORAL e o Catastro para atender as consultas da veciñanza sobre a actualización de parcelas. A atención ao público centralizouse no salón de sesións da casa consistorial e funcionou mediante cita previa. Abriu o luns 19 de xullo e rematou onte martes 17 de agosto.
Segundo informa o persoal que atendeu á veciñanza, do total de persoas atendidas, 76 interpuxeron recurso. A meirande parte por non ser titulares das fincas ou por non figurar correctamente a configuración. Agás 4 veciños que recorreron por considerar excesivo o incremento da valoración catastral.
A Xerencia do Catastro notificou unha actualización da cualificación de parcelas feita en aplicación da lexislación vixente que afecta a 17.400 propiedades no concello do Porriño. Trátase dunha revisión de valores que renova o anterior padrón que databa de 1985. Esta revisión tamén terá como referencia os valores catastrais de 1985 aos efectos dos recibos do IBI.
Ante o gran número de afectados , a alcaldesa Eva García xestionou coa Xerencia do Catastro e do Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) para que dispuxeran este punto de información para aclarar dúbidas é consultas que se prolongou por cinco semanas pola demanda de aclaracións.
A partires de agora, as consultas deben realizarse na oficina do ORAL no Porriño, sita na rúa Pinar, 5 baixo, con solicitude de cita previa, a través da páxina web da Deputación. Ou nas oficinas do Catastro en Pontevedra e Vigo.