Os concelleiros do goberno municipal Sergio Casal, David Alonso e Cami Moreira recibiron hoxe no salón de plenos do Concello aos peregrinos que portan a “Mochila da Luz” en homenaxe ás vítimas da Covid.
Peregrinos que están a realizar o Camiño Portugués portan por relevos a “Mochila da Luz” desde que partiu de Oporto o pasado luns 12. Precisamente hoxe venres completaron a etapa Tui-Porriño. A coordinadora da iniciativa, Susi Soto e un grupo de peregrinos de varias nacionalidades son os encargados de transportar a Mochila da Luz ata Porriño.
Este ano 2021 a mensaxe a transmitir “e de esperanza, da luz da esperanza dos nosos maiores por ser o primeiro grupo de poboación en ter recibida a vacina”, segundo manifestan os promotores da “Mochila da Luz” nas súas redes sociais.
O sábado 17, os peregrinos partirán desde O Porriño ata Redondela, coa compañía do concelleiro Sergio Casal que fará con eles esta etapa do Camiño.