A Biblioteca Municipal do Porriño inicia a súa programación de 2017 con dous tipos de actividades, unha periódicas, que se desenvolverán de xeito continuado ao longo do ano, e un grupo de actividades puntuais, que se organizarán con motivo da celebración de distintas datas de interese.
Entre elas cabe salientar a serie “O noso patrimonio” que terá como obxectivo dar a coñecer o patrimonio cultural e artístico do Porriño, e “+ que libros” que, partindo dun punto de interese centrado nun libro determinado (colección, autor…) impulsará ao redor do mesmo diferentes ideas que axuden a comprender a obra.
Ademais ábrese o período de inscricións para os Obradoiros de Alfabetización dixital para Persoas Adultas, que consistirá na formación no uso das TIC para poboación en risco de exclusión dixital e que está pensada para tres niveis de coñecemento.
A mesma será os mércores de 10 a 11:30 h. e o Nivel I, para persoas con escaso ou nulo coñecemento sobre o uso do ordenador e de Internet, empezará o 18 de xaneiro.
Tamén empeza o período de inscrición para o Club de lectura de Adultos, unha actividade consistente na formación dun grupo de lectores que se reúnen periodicamente na Biblioteca co fin de comentar e intercambiar opinións sobre os libros que facilita a propia biblioteca.
Esta actividade será os luns alternos de 18:30 a 20:00 horas e empeza o vindeiro día 16.
Club de lectura infantil, unha actividade encamiñada a que os nenos atopen nos libros o instrumento de desfrute que os anime a ler cada día. Empregaranse actividades, xogos, manualidades, etc. relacionadas coa lectura programada para conseguir aumentar a súa comprensión lectora e, ao mesmo tempo, que se divirtan co seu libro. A biblioteca facilita un exemplar do libro programado a cada participante para que o lea na casa.
Será os venres alternos, de 18:00 a 19:30 horas, está dirixida a rapazas e rapaces de entre 8 e 12 anos, e empeza o 20 de xaneiro.
Grupos de Conversa en Inglés, no que organizaranse aos participantes en dous niveis de coñecemento, empeza o 7 de febreiro e o Nivel I será os martes de 18 a 19 h e o mesmo día, de 19:15 a 20:15 horas, o Nivel II. Trátase dunha iniciativa dirixida a poboación adulta cun nivel medio de inglés oral.