O Concello do Porriño ven de participar en Portugal, na primeira mobilidade do proxecto “EYFET” para o empoderamento da mocidade para facilitar a transición ecolóxica.  O proxecto ten como obxectivo xeral o empoderar á sociedade, en especial aos mozos e mozas, e ás institucións públicas, empresas, Ong e demais axentes sociais, para que actúen como axentes de cambio para o desenvolvemento ambiental e sostible.

Está liderado polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Proxectos Europeos, dirixida pola concelleira socialista Lourdes Moure Varela. Como promotor do proxecto, O Porriño participou conxuntamente cos seus socios na primeira das 4 mobilidades previstas, celebrada entre os días 15 e o 20 de xuño, en Lisboa e Castelo dá Vide.

 

En representación do Concello do Porriño, asistiron Rafael Alonso Lago, enxeñeiro municipal e Noelia de la Fuente Pérez, Técnica no departamento de Educación e Mocidade, xunto con representantes do IES Ribeira do Louro. 

 

Xunto co Concello do Porriño e o Instituto Ribeira do Louro, participan deste proxecto EYFET, en calidade de socios, a Associação Portuguesa de Educação Ambiental (ASPEA) com sede en Aveiro; a Universidade de Cabo Verde e a Associação de Educação de Jovens e Adultos de Nampula (Mozambique).