Desde esta mañá xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para recibir axudas económicas directas con cargo ao “Plan Porriño Impulsa” que dispón dun fondo de 140.000 € aportados polo Concello e pola Deputación. As bases e os impresos das solicitudes xa están dispoñibles na páxina web do Concello.

Paralelamente esta mañá o concelleiro de Emprego, David Alonso presentou as liñas fundamentais deste Plan que se aprobou por unanimidade da corporación no último pleno municipal celebrado.

Acudiron a presentación Juana Pérez e Noelia Conde, pola Asociación de Comerciantes de Porriño (ACIPOR) e José Manuel Fernández, pola Asociación de Hostalería do Porriño (AHOSPOR).

O concelleiro de Emprego lembrou que esta liña de axudas destinase aos establecementos de hostalería, comercio de proximidade, autónomos e microempresas do Porriño afectados polos peches total ou parciais ocorridos coa ocasión das restricións aplicadas dende xaneiro.

David Alonso ofreceu “o asesoramento gratuíto que a través da técnico da Axencia de Desenvolvemento Local (ADL) prestamos nas oficinas de ‘Porremprego’, para todos aqueles solicitantes que non dispoñan de asesoría para tramitar as solicitudes”.

O concelleiro avogou por que “non teñamos que habilitar novas liñas de axuda pero se chegado o momento hai que asumir outra liña de crédito, haberá que valoralo. Ao mellor non serían axudas económicas directas senón outras medidas de apoio e incentivo ao consumo, por exemplo”, manifestou Alonso Bargiela.

Para rematar a presentación, José Manuel Fernández, presidente de “AHOSPOR” expresou “o agradecemento dos hostaleiros do Porriño ao concelleiro e a toda a corporación municipal por esta liña de axudas e agardemos que non sexan necesarias outras ao longo do ano”.

Do importe total do Plan Impulsa Porriño, a Deputación Provincial autorizou a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros. O resto é a achega que aporta o Concello con recursos propios na cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.

O límite por beneficiario das axudas establécese na cantidade de 1.500 euros para aqueles sectores que sufriron o peche total e 1200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.