David Alonso, concelleiro delegado de Turismo anunciou que o Concello ofrece asesoramento aos cidadáns do Porriño que queiran solicitar as axudas económicas que a Xunta de Galicia vén de convocar para a mellora paisaxística dos activos que se atopan no Camiño de Santiago. Trátase de axudas para particulares de ata 10.000 euros, ata un máximo do 75% do custo da actuación, segundo establece a Xunta de Galicia. No caso das entidades locais, como de feito solicitará o propio Concello do Porriño, a axuda alcanza os 15.000 euros.
Audio do concelleiro, David Alonso
Poden aproveitar o alcance destas axudas económicas, “todas aquelas actuacións que teñen por obxecto a mellora paisaxística, a procura da harmonía, a orde e respecto, e a coherencia do Camiño de Santiago e a súa paisaxe cos valores culturais ligados ás sociedades que ao longo do tempo construíron este espazo”, segundo explica a resolución da Axencia Turismo de Galicia que as convoca.
As actuacións deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección dos camiños de Santiago e no campo visual do seu recorrido.
En concreto, poderán ser obxecto de subvención actuacións sobre elementos etnográficos e a súa contorna (fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, pontellas, muíños, valados, peches…); actuacións sobre a casa e a eira; mellora nos revestimentos: fachada, cuberta con materiais propios da zona (como son a madeira, pedra ou calquera material que harmonice) ou actuacións de desentullo e limpeza de lixo ou materiais en desuso, entre outras.
Deixamos ligazón co “pdf” co anuncio da convocatoria no DOG