O sector da hostalaría local tivo unha resposta desigual ante a posibilidade de abrir dende hoxe os seus establecementos segundo o establecido no plan de desescalada promulgado pola Xunta de Galicia.
O Porriño está no nivel máis restritivo de xeito que os establecementos tan só poden servir nas terrazas, cun aforo reducido ao 50%, cun máximo de 4 persoas por mesa, sexan ou non conviventes. E deberán pechar ás 17 horas.
Continúa a tendencia á baixa no número de contaxios no Porriño como acreditou hoxe a actualización diaria de datos do SERGAS. Segundo informou o número de novos casos diagnosticados nos últimos catorce días son 47. E a incidencia acumulada no concello é maior de 150 e menor de 250, é outro indicador que reflicte a melloría.
Estes datos así como o tratado onte pola alcaldesa Eva Garcia co conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña na reunión telemática semanal que mantén cos rexedores dos concellos da área de Vigo, serán trasladados e comentados cos representantes de todos os grupos da corporación na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid convocada para o vindeiro luns 7.
Por outra banda, o Concello do Porriño lembra que o vindeiro martes 8, festivo, volverá o mercado ambulante despois de seis semanas de suspensión. Á vista da contrastada melloría que reflicten os datos, o goberno municipal tomou esta decisión para aliviar economicamente a moitos dese vendedores que son tamén veciños do concello.
A decisión foi trasladada e participada polos representantes dos demais grupos políticos da Corporación na última reunión da comisión de seguimento.
Este martes tan só instalarán os seus postos a metade dos vendedores autorizados, é dicir, uns 70 . O postos con número impar asignado, montarán o 8 e os postos con número par, o farán o día 15. Esa cadencia manterase á expensas da evolución dos datos da pandemia.