A corporación municipal acordou cos votos do PSOE, EU SON e UDDL e as abstencións do BNG, esixir á Xunta de Galicia que “deixe de desprezar ao concello do Porriño e aos seus 20.000 habitantes nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma”.
O grupo municipal socialista presentou “in vocce” unha moción na sesión telemática que se celebrou hoxe, despois de ter coñecemento que no proxecto dos Orzamentos de Galicia 2021 “non aparece consignado nin un só euro para O Porriño”. “Trátase dunha circunstancia que se repite dende hai seis anos”, argumentaba a moción que presentou ao pleno corporativo o concelleiro socialista Sergio Casal.
Sobre este asunto, a alcaldesa Eva García de la Torre valorou como “indignante e impresentable” que os Orzamentos de Galicia para 2021 “cometan este desprezo cun dos concellos máis dinámicos da comunidade autónoma”.
A rexedora que lembrou as demandas máis importantes que ano tras ano O Porriño require á administración autonómica detívose no proxecto de ampliación do Centro de Saúde que non aparece consignado no proxecto orzamentario da Xunta. Eva García considera que “nos tomaron o pelo co anterior conselleiro de Sanidade facendo un convenio para construír esa infraestrutura sanitaria tan necesaria e seguimos igual”.
Por último, a alcaldesa emprazou a Alejandro Lorenzo, voceiro municipal e deputado provincial do Partido Popular, que “esixa á Xunta de Galicia que se comporte, que deixe de mirar a cor política de cada territorio para decidir o que inviste en cartos públicos que tamén pagamos os cidadás do Porriño”.