A exposición de fotografías “Todas as mulleres en todas as partes do mundo” na rúa peonil, un manifesto da corporación municipal e o alumeado en cor violeta da casa consistorial, serán os actos principais no Porriño coa ocasión do 25 N, Día Internacional contra a violencia machista.
A programación confeccionada pola Concellería de Igualdade que dirixe Cami Moreira comezou o venres 20 coa proxección da película “María Solinha” no Centro Cultural Municipal.
Continua coa exposición de fotografías con imaxes que penduran dos farois na rúa peonil, motivo que tamén inspirou a lona que se instala na praza do Concello.
A mostra “Todas as mulleres en todas as partes do mundo” simboliza a universalización da violencia machista. “Cada retrato é unha fotografía dos distintos aspectos da existencia das mulleres no mundo porque non hai unha única imaxe que nos poida representar, todas sentimos, sorrimos, choramos, resistimos, loitamos, avanzamos, empatizamos… valoramos a vida e esiximos ser consideradas persoas con plenos dereitos, de liberdade, de respecto e capacidade de decisión”, segundo argumentou a concelleira de Igualdade.
O propio mércores 25N difundirase un manifesto institucional de toda a corporación porriñesa elaborado en conxunto e a partir das 19 horas, a fachada do Concello iluminarase en cor violeta.
O programa de actos rematará o venres 27 coa proxección da película “Trote” no Centro Cultural Municipal en dous pases (18,30 e 20,30 h.) con aforo limitado a 30 persoas por pase e con inscrición previa no correo electrónico cultura@oporrino.org