Daniel Rodríguez, Inspector Xefe e os Oficiais Antonio Pereira Nandín e Adolfo Suarez Piñeiro, e os axentes Benjamín Blanco, Francisco Javier Rodríguez, Sergio García e Brais Roca, todos eles membros da Policía Local do Porriño naquel intre, recibirán a Medalla ao Mérito Policial en recoñecemento pola súa intervención nun acto de servizo.
En concreto, honrase con estas distincións a participación que todos eles tiveron coa ocasión da explosión de material pirotécnico en Paramos (Tui) acaecida o 23 de maio de 2018.
Os sete policías locais porriñeses acudiron a ao concello veciño a cooperar nas primeiras tarefas de asistencia aos feridos, nada máis recibirse a alerta de Emerxencias 112. Foron dos primeiros en chegar ao lugar, revisaron as vivendas afectadas pola deflagración e participaron na evacuación dos feridos en colaboración cos servizos de emerxencias.
O DOG de hoxe publica a resolución que firma Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia. A disposición amosa no seu texto que na actuación dos devanditos axentes do Porriño hai que “salientar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía, para a concesión das distincións”.
Cabe subliñar que hoxe en día, dous deles xa non están no Porriño e teñen outros destinos: o oficial Adolfo Suárez está en Nigrán e o axente Sergio García en Parla.
O acto de entrega das Medallas aos sete aínda non ten data debido as actuais restricións pola pandemia sanitaria.