Performance de ‘Violencia Zero’ no Porriño, este luns, día 6, para reivindica a Igualdade de Xénero e concienciar aos cidadáns do problema da Violencia Machista
‘Mulleres en acción: violencia zero 2016-2017’ é un proxecto de acción artística que se desenvolve no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar a poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, para tratar de unir forzas para loitar contra esta lacra presente na sociedade.
Esta edición recolle 25 accións de arte contemporánea nas súas diferentes modalidades (pintura, música, danza, teatro, poesía, graffiti ou performance), que se levarán a cabo ata novembro de 2017 en 25 concellos da provincia, O Porriño entre eles.
As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e de reflexión, para promover una sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes.
Este luns, ao mediodía, organizado polo organismo provincial e o Concello do Porriño, na Praza de Antonio Palacios-ou no caso de que chova, no Centro Cultural Municipal-, terá lugar unha performance aberta á participación de todas as veciñas e veciños da vila, a cargo da artista Sandra Bejarano, que interpretará a peza “Non me queiras así”.