O Concello do Porriño, representado polo concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal, participou hoxe na reunión telemática que mantiveron a Xunta de Galicia e os concellos do distrito forestal Vigo-Baixo Miño, presidida por Tomas Fernández Couto, director xeral de Montes.
A reunión estaba convocada pola administración autonómica para activar os convenios dos operativos municipais de prevención e loita contra os incendios forestais.
Asimesmo a reunión serviu para explicar os termos do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp (Federación Galega de Municipios) e a empresa pública “Seaga”, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias.
O concelleiro Casal trasladou a adhesión do concello porriñés a participar nestes convenios e nos operativos que deberían despregarse a partir do vindeiro 1 de xullo.