Os montes de Budiño volverán ser este domingo epicentro do ciclismo galego. 700 ciclistas pedalearán no Porriño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza, en colaboración co Concello do Porriño: o VI TROFEO MINI BTT CONCELLO DO PORRIÑO e o II XCO TROFEO CONCELLO DO PORRIÑO.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, e os/as ciclistas da AD Avanza, presentaron ambas probas no que será punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño.
O rexedor felicitou á organización por poñer en valor o ciclismo na nosa localidade e polo labor que fan coa súa canteira.
Pola súa banda, dende a organización convidaron a todo o mundo a disfrutar do evento o próximo domingo e agradecer a colaboración das entidades que axudaron na posta en marcha do evento, Concello do Porriño, Comunidade de Montes de Budiño, Deputación de Pontevedra e Federación Galega de Ciclismo.
VI Mini BTT Trofeo Concello do Porriño
Arredor de 500 nenos e nenas, de entre 4 e 14 anos , participarán na sexta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro cultural A Forna.
A proba consta de cinco categorías: Benxamíns, Promesas, Principantes, Alevíns e Infantís.
III XCO Trofeo Concello do Porriño
A terceira edición do trofeo congregará a uns 200 ciclistas. A proba arrancará ás 16:30 h do centro cultural A Forna e estará aberta ás categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).