43 traballadores/as incorporáronse hoxe ao cadro de persoal do Concello do Porriño, onde desenvolverán as súas funcións a xornada completa durante seis meses.
A primeira hora da mañá, o alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Rosario Costas, Ramón Porto e Jose Carlos González, déronlle a benvida ao Concello na súa primeira xornada laboral.
“Agardo que estes meses de traballo sexan enriquecedores para todos vós, que vos sirvan para gañar experiencia, mellorar o voso perfil profesional e abrirvos novas oportunidades”, apuntou o alcalde. Lorenzo recordou que estas contratacións non só permiten incorporar ao mundo laboral a estas persoas que se atopaban en búsqueda activa de emprego, senón tamén prestar en condicións servizos que non se estaban a prestar de maneira axeitada nos últimos anos e impulsar novas iniciativas. “Co voso traballo contribuiredes a poñer en marcha de novo O Porriño”, concluíu o rexedor.
Para facer posible este reforzo de persoal o Concello fixo a maior aportación de fondos da súa historia, reafirmando o seu compromiso coa xeración de emprego. A contratación destas 43 persoas supuxo unha inversión total de 450.489 euros, dos que o Concello aportou 224.061 euros e os restantes proceden da liña 3 do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
Os traballadores/as prestarán servizo nos diferentes departamentos municipais. No de Obras incorpóranse dous carpinteiros, un soldador, tres albaneis, un fontaneiro e un tractorista/condutor de grúa. No departamento de Parques e Xardíns traballarán doce peóns forestais, na área de Servizos Sociais un auxiliar administrativo, na Unidade Asistencial a Drogodependentes un auxiliar de enfermería e no de Cultura dous auxiliares administrativos.
Un técnico exercerá no departamento de Turismo e outro o fará no de Novas Tecnoloxías. Tamén se incorporan hoxe seis conserxes nas áreas de Deportes, Mercados, Persoal e Cultura e dous orientadores laborais que traballarán en Porremprego.