- O acordo permitirá sumar estas futuras vivendas protexidas ás 300 promovidas coa Xunta de Galicia ao abeiro do Proxecto de Interese Autonómico (PIA)
O Porriño, 26 de xaneiro de 2026.- O pleno municipal do Porriño vén de dar luz verde á cesión dunha nova parcela municipal na Gulpilleira (no sector SUR-PPR-5) e a formalización dun protocolo de colaboración coa Sociedade Vivenda Pública de Galicia, entidade pública dependente da Xunta de Galicia, co obxectivo de impulsar preto de 40 novas vivendas protexidas de promoción pública no municipio. A proposta saíu adiante cos votos a favor do goberno local, coa abstención do PSOE e o voto en contra do BNG.
Esta actuación permitirá avanzar na oferta de vivenda protexida no Porriño, facilitando o acceso a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para persoas e colectivos con maiores dificultades, con atención especial ás necesidades da mocidade. O protocolo contempla a cesión gratuíta do solo, a súa aceptación pola administración autonómica competente e a posterior promoción das vivendas, que se adxudicarán ás persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da comunidade autónoma de Galicia.
O Concello do Porriño comprométese a realizar as actuacións necesarias para que a parcela adquira condición de solo urbanizable e poida destinarse á edificación. O calendario prevé iniciar as obras de urbanización no segundo semestre de 2026, co obxectivo de rematalas no cuarto trimestre de 2027. Pola súa banda, a administración autonómica tramitará a aceptación do solo e redactará os proxectos técnicos previos ao inicio das obras, licitando a edificación no prazo de tres meses desde a aprobación dos proxectos, sempre que o estado da urbanización o permita.
O protocolo aprobado non contempla contraprestacións económicas entre as partes, asumindo cada administración os compromisos cos seus propios recursos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón un paso importante para responder ás necesidades reais da veciñanza nun momento de crecemento continuado do municipio, que xa supera os 20.000 habitantes. “O Porriño rexistrou nos últimos anos unha evolución poboacional significativa e unha demanda de vivenda cada vez maior, algo que se nota tamén na actividade diaria do concello e en indicadores como o incremento de matrículas no ámbito educativo”, sinalou Lorenzo.
O rexedor destacou que estas actuacións permiten planificar o crecemento do municipio con responsabilidade, garantindo que medre con servizos e oportunidades. “O Porriño segue consolidándose como un lugar atractivo para vivir e traballar, polo que é fundamental acompañar ese dinamismo cunha oferta de vivenda protexida que facilite o acceso especialmente á mocidade e ás familias”, explicou.
Lorenzo subliñou que “esta nova parcela súmase ao proxecto para a construción de 300 novas vivendas en colaboración coa Xunta de Galicia, na contorna da rúa Fernández Areal, que foi concedido ao Porriño como Proxecto de Interese Autonómico (PIA), reforzando a resposta do municipio ás necesidades actuais e futuras de acceso á vivenda e permitindo que o Porriño siga medrando como nunca”.
O protocolo inclúe a creación dunha comisión mixta de seguimento, formada por representantes das administracións implicadas, co fin de garantir o correcto desenvolvemento das actuacións previstas e impulsar o cumprimento dos obxectivos establecidos.
Desde o Concello do Porriño subliñase que esta iniciativa evidencia o compromiso do goberno local coa política de vivenda como eixo estratéxico, apostando pola colaboración entre administracións e pola utilización do solo público ao servizo do interese xeral, garantindo así un crecemento equilibrado, sostible e con oportunidades para todas e todos.

