O domingo do Recristo, como manda a tradición, a Festa dos Callos do Porriño poñerá o broche de ouro á celebración das festas patronais. A festa gastronómica por excelencia do Porriño chega este ano á súa décimo terceira edición, congregando na vila a milleiros de persoas cada ano.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto co presidente de Ahospor representantes de Acipor , a cociñeira Macu Moreno e a que xa se converteu en protagonista destas festas, a porriñesa Juaniña da Cruz, presentaron hoxe esta festa que se celebrará o domingo 1 de outubro. Á presentación acudiron os usuarios e usuarias do centro de día de Navuxil, da unidade asistencial de Afaga e representantes da comunidade educativa que, xunto cos vecinos que se achegaron á praza, disfrutaron dunha degustación de callos.
“Este certame gastronómico é un dos principais reclamos para quen nos visita nestas datas e tamén parte moi importante da nosa cultura, as Festas do Cristo xa non se poden entender sen unha boa tapa de callos para despedilas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Estou moi contento de presentar esta edición con todos os que hoxe están aquí, estes porriñesas e porriñesses que tanto nos ensinaron e dos que tanto seguimos a aprender. Eles escribiron a historia deste pobo e desexo de todo corazón que a sigamos a escribir xuntos”. O rexedor agradeceu a “implicación da hostalería local, que fai posible que cada ano agotemos as existencias de callos e sempre nos sorprendan con novas propostas”.
E é que haberá receitas para todos os gustos, como indicou o presidente de AHOSPOR, José Manuel Fernández. “Cada un de nós dalle a este prato o seu toque especial e tedes que vir a probalos todos. E para que ninguén quede sen disfrútalos hai tamén a opción vegana, como a de Macu, que penso que foi a primeira persoa en facer callos veganos”.
Pola súa banda, Macu, que conta con miles de seguidores nas súas redes sociais, nas que comparte receitas de cociña vegana, convidou a todo mundo a achegarse este domingo ao Porriño e disfrutar desta festa.
O humorista Isi será o encargado de dar o pistoletazo de saída á xornada ás 12:30h na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
O custo da ración unifícase a 7 euros por acordo dos organizadores e dos establecementos de hostalería e este prezo inclúe unha ración de callos, pan e cazola.
ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS PARTICIPANTES
A Francachela, A Vinoteca, Amaquía, Argentino 2, Bar A Guía, Bolboreta Café, Cafetería CRC, Casa di Mili, Celtiña, Churrasquería Pontenova, Cólleo con pinzas, El alambre del abuelo, El Pincho, El cincuentaicinco, Galibar, Hamburguesería Fran, Hotel Parque, La Bendecida, La Bici, La Cueva, Liceum, Maracaibo, Nómadas, Origen Café, Paso a Nivel, Restaurante Val do Louriña, Scala, The Classic Coffe Beer, Treinta y Tau, Xantar de Pepa, Zentral.