O Porriño celebra este domingo, día 14, a tradicional ‘Festa dos Cachos’ na que se agarda que os asistentes den conta de centos de pratos deste riquísimo crustáceo

A O concelleiro de Comercio, Marcelino Coto presentou no Concello unha nova edición da ‘Festa dos Cachos’ que se celebra este domingo, día 14 no Porriño. O concelleiro estivo acompañado por membros da directiva da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, impulsora desta festa, e o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, José Manuel Fortes.

Marcelino Coto lembrou que foi esta asociación veciñal a que recuperou esta celebración, que data de 1810, e que se celebra “no lugar mesmo na que a sitúa a tradición: no Cristo dos Cachos, un lugar emblemático do Porriño”.

O concelleiro sinalou que as pasadas edicións foron un “éxito” e que agardaba que a deste 2017 seguise na mesma liña. Para facelo posible, engadiu, conta coa colaboración do Concello que este ano, ademais da ‘Animación de rúa’ coa actuación de charangas, tamén farase cargo da colocación dunha carpa de 150 metros cadrados, para adiantarse ás posibles inclemencias do tempo, do sistema de son e do corte do tráfico para “garantir que os asistentes poidan gozar do día con total comodidade”.

Sindo Lago, vicepresidente da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, adiantou que o programa deste ano empezará ao mediodía co pregón a cargo de Manuel Areal, que fora presidente desta asociación, seguirá coa ‘Sesión Vermú’, na que os asistentes tamén poderán pedir pulpo ou empanada, a degustación e venda dos cachos na carpa, ‘Animación na rúa’ con charangas, sen esquecer que haberá unha zona de lecer para os máis cativos.

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros sinalou que, ademais dos cachos que se sirvan ou se vendan na carpa, “que o ano pasado apenas duraron unha hora ante a cantidade de público que se achegou á festa”, tamén se servirán, dende a 1 da tarde, nos restaurantes Val da Louriña, Maracaibo, Cólleo con Pinzas, O Carreteiro, La de Chato, Adega de Montero e Restaurante Manolo.

José Manuel Fortes indicou que os prezos deste ano serán de 6€, para as persoas que acudan a degustar os cachos á carpa, e de 7€ para quen o fagan nos sete restaurantes participantes. Fortes confirmou que logo de que o ano pasado se agotasen “en moi poucos minutos entre cincocentos e seiscentos cachos”, este ano hai máis cantidade en previsión da cantidade de persoas que se agarda cheguen a O Porriño este domingo.