O concelleiro de Tráfico, Sergio Casal explicou que as multas a 25 camións formuladas pola Policía Local na noite do luns 3 ao martes 4, na zona das Sequeiras, “responde ás repetidas queixas veciñais que demandaban que o Concello dera cumprimento á ordenanza municipal que prohíbe circular e aparcar ao tráfico pesado dentro do casco urbano”.
Casal Quintas lembrou que esta ordenanza municipal foi elaborada e aprobada en 2012 polo goberno municipal que presidía entón Nelson Santos. Establece a devandita prohibición que ademais está reforzada pola sinalización vertical que existe na entrada de Cans e na baixada da Risca, así como pola sinalización horizontal pintada.
O concelleiro explicou que durante os estado de alarma, “houbo certa tolerancia” pero en canto rematou e recuperouse a normalidade, a Policía Local advertiu reiteradamente da prohibición aos transportistas.
Na noite do pasado luns 3, o concelleiro recibiu diversas chamadas de veciños da zona protestando pola acumulación de camións aparcados. Sergio Casal solicitou a Policía Local que intervira o que desencadeou as 25 multas que impuxeron.
Cada sanción é por unha contía de 200 € (100 no prazo bonificado).