Un total de 150 rapazas e rapaces participaron no II Torneo Escolar de Xadrez do Porriño que se disputou este ano no CEIP Fernández López entre xogadoras e xogadores de 6 a 16 anos, todos eles alumnas e alumnos de centro educativos do Porriño.
O Campionato xogouse segundo o sistema suízo, a 5 rondas, resultando gañador do mesmo, Anxo Castaño Otero, que repetiu o título conquistado o ano pasado, seguido de Lucas Represas, Nicolás Teixeira, Rocío Fernández e Raúl Rodríguez.
Por centros, o primeiro posto foi para o IES Ribeira do Louro, con 62 puntos, en segunda posición o CEIP de Atios, con 60.5, a terceira praza foi para o CEIP Antonio Palacios, con 52, seguido do CPR Hermanos Quiroga (46), CEIP Fernández López (39,5); CEIP Cruz Budiño (35), CPI da Ribeira (10,5) e IES Pino Manso (8,5).
A concelleira de Educación, Lourdes Moure, fixo entrega dos premios aos primeiros clasificados e pechou o torneo amosando a súa satisfacción porque “o mesmo chegase a 150 participantes, o que amosa a boa acollida que está a ter o xadrez”, felicitou a todas e todos os xogadores, “porque sodes vos o que facedes posible que este torneo sexa hoxe unha realidade e que mesmo O Porriño empece a ter relevancia no eido deste deporte, a nivel de Galicia”.
A concelleira non quixo confirmar qué centro será a sede do campionato do ano que ven,aínda que deu unha pista ao afirmar, entre os aplausos dos participantes que “o Antonio Palacios soa con forza”.