O sendeiro das Greas GR-58 é un sendeiro de longo percorrido que discorre polas terras da área metropolitana de Vigo, cun percorrido de máis de 200 quilómetros, dos cales arredor de 22 transcorren no concello do Porriño. O percorrido polo val da Louriña, de dificultade media-baixa enmárcase entre dous puntos de gran forza paisaxística, o Faro de Budiño e o Galiñeiro.
Constitúe un sendeiro de gran variedade que combina o carácter panorámico das altas penedías que enmarcan o val da Louriña e os recoñecidos recursos naturais que agacha a importante zona húmida das Gándaras. Tamén cómpre destacar as paisaxes agrícolas do val, cheas de elementos etnográficos, e que se esparexen nunhas terras de cultivo que teñen nas pastas de granito dos lindeiros e emparrados un dos seus máis característicos sinais de identidade.
O sendeiro entra no municipio do Porriño polo alto do Confurco. No comezo do percorrido pasamos preto do Castelo, un afloramento de granito coñecido como «O pianista» pola súa silueta vista dende lonxe. Este lugar foi recinto fortificado na época medieval. O sendeiro pasa polas paisaxes graníticas de Penas de San Cibrán e Faro de Budiño.
Cara ao leste, nos cumios existen restos medievais. Baixamos da serra ata San Salvador de Budiño, onde poderemos visitar a súa igrexa románica. Seguimos nese contorno rural para, atravesando a vía do tren, chegar ao núcleo de Cerquido. Logo de cruzar a autovía por un paso elevado tomamos un camiño que nos leva á turbeira de Cerquido. Nesta zona podemos observar os característicos bosques de ribeira. Máis adiante pasaremos preto da barreira de Orbenlle; antano utilizada para a extracción de arxila, hoxe forma unha lagoa idónea para o desenvolvemento de fauna e da flora características do medio acuático.
A continuación, o sendeiro atravesa o río Louro por unha pontella de pedra ben conservada. O sendeiro abeira agora o río pola súa marxe dereita, atravesando bosques de ribeira, plantacións de chopos, leiras, viñedos e carballos de gran porte, conformando unha paisaxe amena e diversa. Xa na aldea da Fernal, pasamos diante dun pombal rectangular e tomamos a dirección do regato do Fotón, que cruzamos por unha pontella de pedra.
Alcanzamos a zona da Telleira e tomamos dirección Chenlo. Logo de cruzar o regato da Fervenza, seguimos o curso do regato da Pexegueira. Subimos cara a Mamaguda onde atoparemos unha pista forestal que nos vai levar ata a aldea dos Cabreiros, con boas vistas do val. Introducímonos na aldea para chegar á valgada do río de San Simón, e pronto atravesamos unha pequena fraga na que se observan acivros de gran porte.
Nese contorno chegamos a unhas vellas ruínas entre carballos. Collemos a senda que vai en dirección de subida para enlazar cunha pista en bo estado que vai cara ao Mal Paso, no límite co concello de Gondomar. Remata aquí o seu paso polo concello do Porriño continuando o seu descorrer por outros concellos da mancomunidade viguesa. O sendeiro das Greas está homologado pola Federación Galega de Montañismo.