Os hórreos desempeñaron un papel fundamental nos pazos e nas casas nobres do Porriño.
Dende o punto de vista arquitectónico o hórreo é, sen dúbida, a dependencia máis importante da casa labrega.
Na maioría dos casos amosa unha maior perfección na construción que a da propia casa. Nel maniféstanse o sentido plástico e a fantasía dos nosos labregos. En moitos deles, por non dicir en todos, os seus donos colocaron cruces, custodias, cálices ou campanarios na parte superior, como axuda ou solicitude a Deus para protexer o que sería a súa alimentación para o resto do ano, e quizais a do seu gando.
A cruz dos hórreos diferénciase da que santifica os fogares en que non ten virtudes profilácticas, senón consagratorias.
O hórreo galego non é simplemente un celeiro; é un peto sacro, que garda o pan de todo o ano. A feitura dos hórreos galegos provén do respecto que sentimos polo pan. Trátanse con respecto as espigas de centeo, de trigo e de millo. E os hórreos gardan o pan, por iso teñen feitura de relicarios. Tanto é así que algunhas veces o hórreo está enriba do portalón, porque ten máis virtudes e máis poderío que unha simple cruz.
O cultivo de diferentes especies de cereais foi dende a máis afastada antigüidade unha das bases para a alimentación da poboación. Hai moito tempo o home gardaba as súas pequenas colleitas en recipientes de barro ou cestería que logo foron evolucionando conforme ás características climatolóxicas de cada zona, para protexelas dos axentes atmosféricos e dos animais.
Os hórreos poderían estar asentados antes da chegada dos celtas como pequenos silos suspendidos de forma cilíndrica con teito de palla cónico, de aí o seu nome de palloza.
Durante a dominación romana, estes descubriron a utilización dos celeiros suspendidos para secar os cereais e aceptáronnos nas súas prácticas agrarias polas súas condicións para preservar o cereal da humidade. Os adiantos da arquitectura e da carpintería dos romanos fixeron posible a reforma dos celeiros.
A introdución do millo en Galicia nos comezos do século XVII ocasionaron importantes variacións na nosa agricultura. Estas, pola súa vez, influíron na estrutura construtiva dos vellos celeiros, destinados ao paínzo. Foi necesario adaptar o hórreo á nova función de almacenar e curar o millo, tendo que aumentar a súa capacidade. Para iso increméntase a súa lonxitude e mellóranse as condicións de ventilación mediante a multiplicación das súas aberturas, unhas de madeira e outras mediante pedras caladas. Deste xeito os hórreos en Galicia convértense en celeiros especializados destinados ao secado e almacenaxe do millo, función que esixe unha boa ventilación e unha favorable protección contra os roedores. En consecuencia, os hórreos en Galicia están situados en lugares expostos á acción dos ventos dominantes. Aparecen divididos nunha cámara redonda, cadrada ou rectangular onde se garda, principalmente, o millo, o trigo ou o centeo; e tamén patacas, xamóns, lacóns, chourizos, peixe seco etcétera.
Os elementos estruturais que o compoñen son o peche de cuberta e unha base que garante o seu illamento dos animais predadores, cunha altura suficiente para asegurar unha continua exposición ás correntes de aire. Esta base está formada por unha soleira ou cimentación, uns soportes de suspensión que, en moitos casos, acadan unha altura de dous metros, e unhas “arandelas” de pedra co obxectivo de que os roedores non cheguen á cámara.