AS GÁNDARAS DE BUDIÑO

Coñécese con este nome de Gándaras de Budiño a terra chá formada pola conca do río Louro, pertencente a cinco parroquias (S. Salvador e S. Estevo de Budiño, Atios, Pontellas, Ribadelouro) de tres municipios diferentes (O Porriño, Salceda de Caselas, Tui). Constitúe unha ampla depresión (8 e 2,5 km de eixes máximos) cunha altitude media de 30 metros, encaixada entre a Serra do Galiñeiro (705 metros) ao oeste e o conxunto de alturas entre as que, pola súa morfoloxía, destaca o Faro de Budiño ao leste. A zona aparece maioritariamente recuberta por vexetación de breixo e breixo húmido sobre substrato arxiloso, formación que recibe no país o nome de gándara.

Pola súa topografía e clima, estas gándaras foron no seu día unha extensa zona húmida, con interese cinexético, o que tal vez explique a antigüidade da súa utilización para asentamento humano (existe un importante xacemento arqueolóxico do Paleolítico, datado en 18.000 – 26.000 anos a. C.

O complexo lagoa-bosque ribeirán consiste nunha banda de 2 quilómetros de lonxitude por 200-600 metros de anchura, centrado no curso do río Louro que discorre orixinando un labirinto de regatos, pozas, charcas estacionais e lagoas permanentes, como as do Fial, Centeáns e Budiño. O río actúa como drenaxe, pero en épocas de maior achega hídrica (inverno e primavera), as augas invaden o que se converte así nun único complexo palustre forestal. Parte do espazo, hoxe arborado, foi obxecto de cultivo ata épocas recentes, pero o abandono ao que se ve sometido o medio rural está posibilitando unha volta ao aspecto que tiña antes da explotación agrícola. Sobre o resto da área, hoxe lagoa, tivo lugar o trazado do polígono industrial As Gándaras que motivou unha degradación enorme deste ecosistema.

As repoboacións nas zonas deforestadas no contorno da lagoa deben intensificarse. Todo o que supoña formar unha cortina vexetal que as ille do seu agresivo contorno industrial, axudará nestas gándaras a salvar un paraíso de fauna e flora que xustificou o apelativo de “Doñana de Galicia”, co que algún entusiasta xornalista a definiu.

RIQUEZA DE FLORA E FAUNA

Vexetación acuática e palustre

A maior ou menor presenza da auga determina o tipo de vexetación que atoparemos nos diferentes ecosistemas presentes nas Gándaras de Budiño.

Nos lagos da zona, os remansos dos ríos e en pequenas charcas, poderemos atopar plantas acuáticas: flotantes como a lentella de auga, que crece tapizando co seu manto a superficie da auga, insectívoras como a Utricularia australis ou enraizadas como a espiga de auga.

Nas ribeiras dos ríos destacan as colonias de carrizos, planta herbácea de grande altura. Xunto a elas conviven os xuncos e outras variedades de plantas palustres.

Outro tipo de vexetación ligada á auga é a típica das zonas permanentemente anegadas pola auga nas que crece unha carriza chamada esfagno que é a orixe das turbas. Debido á escaseza de minerais destes solos, provocada pola formación de turba, algunhas plantas como as roreras, substitúen a deficiencia de nutrientes capturando insectos nas súas follas impregnadas de substancias pegañentas. Toda esta vexetación é en gran medida exclusiva desta zona e polo tanto difícil de atopar noutras partes de Galicia.

Vexetación das ribeiras:

Nas ribeiras do río Louro atopamos o chamado bosque de ribeira que se compón dunha mestura de árbores, arbustos, enredadeiras e herbas. A súa importancia ecolóxica é moi grande, xa que proporcionan alimento e refuxio a multitude de especies. Son moitos os efectos beneficiosos deste tipo de bosque sobre o río, entre os que cabería destacar a acción filtrante que levan a cabo as raíces das árbores, das augas provenientes dos cultivos próximos ou a sombra que proporcionan as árbores que contribúe a manter baixa a temperatura da auga e dese modo favorécese a vida acuática. As especies máis comúns nas ribeiras son os amieiros e os salgueiros.

Outra das especies máis representativas das Gándaras e de toda Galicia é o carballo, capaz nesta zona de desenvolverse en terreos anegados grazas ás características das súas raíces.