Santa María do Porriño é a parroquia máis pequena pero máis densamente poboada de todo o concello. Ademais do centro urbano, conta cunha zona rural. A procedencia do seu nome é motivo de discusión desde hai anos, e non se sabe se deriva do cultivo de porros, da antiga cor das augas do Louro, da industria gandeira ou de Xan Porro, mesoneiro que estableceu o seu negocio na primeira metade do século XVI na zona de San Sebastián, hipótese lendaria aínda que de ningún xeito inadmisible. |
|
No centro urbano atópanse os principais servizos do municipio, así como os monumentos de maior interese, como a casa do concello, a Botica Nova, a Fonte do Cristo, o Templete da Rede de San Luis, a Igrexa de Santa María e as capelas do Cristo, San Benito e San Sebastián, entre outros. | |
Na zona rural atopamos lugares de interese, como a capela da Virxe dos Milagres, no lugar do Carracido, e a área Recreativa da Risca, que ademais de merendeiro e fermosas vistas sobre a vila e o Val da Louriña, conta cun interesante exemplo de hórreo galego. | |
Barrios: Aviseiro, Carracido, A Carrola, Filgueira, A Gulpilleira, Malladoura, Pego, O Porriño, Ramiráns, A Risca, As Sequeiras. | |
Advocación: Santa María | |
Festas populares: Festas de Entroido. Cristo dos Cachos, primeiro domingo de maio. San Bieito, 11 de xullo. San Sebastián, terceiro domingo de agosto. Romaria da Risca, segundo domingo de setembro. |