Budiño é a parroquia situada máis ao sur do municipio, e tamén a máis extensa. É sede dos polígonos industriais das Gándaras e da Granxa, e acolle tamén parte das canteiras de granito. |
No barrio do Mosteiro atópase a igrexa parroquial de San Salvador, que formou parte dun mosteiro orixinario do século XI.
A igrexa sufriu importantes reformas no XVIII e no século XX, pero aínda conserva case intacta a capela Maior, datada nos anos centrais do século XII e de exquisito estilo románico. |
|
No barrio do Casal pódese visitar a capela de San Antón. Trátase dunha sinxela capela rural onde destacan a solución do cuberto do lado sur, moi pouco común na rexión, e a figura escultórica do santo tallada na fachada. No muro do adro da capela existe un peto de ánimas do século XVIII.
Budiño conta con dous pazos. No lugar de Orbenlle, unha pontella de grande antigüidade permite os peregrinos salvar o curso do río Louro. No Cotiño rehabilitouse un conxunto de catro muíños de auga.
|
|
Nesta parroquia atópase o ecosistema das Gándaras, unha das zonas húmidas máis importantes de Galicia, declarado como espazo protexido de interese natural.
Alí o río Louro forma unha lagoa cunha área pantanosa con flora e fauna únicas.
Tamén salientar a presenza nesta parroquia da impresionante mole granítica do Monte Faro. |
Destacables son tamén os restos arqueolóxicos, dende dolmens ata anacos de cerámica campaniforme, atopados na zona logo de varias escavacións de urxencia realizadas hai anos co motivo da construción da autovía Vigo – Portugal. |
|
Barrios: A Arrotea, Benunes, O Casal, O Cerquido, A Chan, Cortes, A Cruz, A Devesa, Os Eidos, Eiris, As Gándaras, Mantelle, O Mosteiro, Orbenlle, O Picouzo, As Rozadas, O Sanguío, O Sobral, O Toural, Trapa, Vacaría e Vitureira. |
Advocación: San Salvador |
Festas populares:
San Brais, 3 de febrero.
San Antón, 13 de Xuño.
Romaría do Monte Faro, terceiro domingo de xuño.
Santa Lucía, 13 de decembro. |