As terras da comarca do Porriño foron paso e garda de moitos pobos ata configurar o actual territorio. Dende os asentamentos paleolíticos descubertos nas Gándaras de Budiño (con presenza de mámoas, cerámicas campaniformes…) ; ata as pegadas dos chamados Grovios, quen consolidaron o territorio ata a rebelión do rei Ghrovary o Pueril (de quen din algunhas fontes que lle deu nome á comarca. O Pueril, o cativo en latín, derivaría na forma Porriño actual). Porén, a chegada das tropas de Vespasiano ao redor do ano 70 incorporou e “pacificou” a comarca no período do imperio romano ata a caída e posterior invasión dos suevos que ocuparon amplas zonas do sur de Galicia.
Se ben quedan pequenos restos das idades antigas, será a partir da Idade Media cando o desenvolvemento do territorio acadou relevancia gracias á súa estratéxica localización como cruce de camiños. Do medio e baixo período medieval quedan muíños coma os de Aitos, Mosende, Chenlo e os de Couso e A Laxe onde o visitante pode gozar das máxicas fervenzas do río Couso.
Tamén se pode apreciar o valor do territorio grazas ás liñaxes que habitaron a comarca e deixaron a súa pegada: as casas nobres de Orbenlle, Quirós, Budiño, Mosende e o propio castelo de Cans, fálanos dun pobo arraigado no territorio, dinámico e transfronterizo, que auguraba o pulo que máis tarde daría lugar ao actual concello e vila.
Xa de cara ao século XVII ata o XIX, destacou polo seu dinamismo e uso do que sería un dos grandes valores do territorio, o uso extensivo do granito. Desta época destacan a construción de templos que consagraban os esforzos do pobo porriñés para congraciarse cos ceos, dende a ermida da Guía, a igrexa de Santa María e outros centros de adoración, ata a enxeñeira civil (alén os muíños citados) como o fantástico hórreo da Risca.
Pero será da man dun dos porriñeses máis ilustres, o arquitecto Antonio Palacios, cando dentro das correntes modernistas (máis en concreto, dentro da corrente Rexionalista, movemento historicista con forte presencia evocadora dos modelos do pasado) atopará no Porriño un dos elementos que máis renome acadaron, grazas á construción da casa do concello.
Construída en 1921 tras o forte deterioro da casa do concello anterior, construirase con pedra local facendo un edificio innovador nos conceptos arquitectónicos, pero con unha clara presenza do espírito clásico das catedrais fortalezas na época da expansión cristiá dos século IX e X (catedrais de Zamora, Toro ou Salamanca). A solución do pórtico á entrada do edificio dálle continuidade á zona de soportais da irregular praza na que se localiza. O pórtico que se abre na base da torre sirve de entrada principal dotando ao conxunto dunha gran mobilidade polo complexo xogo de volumes graduados que deseñou Palacios na súa vila natal.
Do mesmo autor queda tamén o Templete de San Luis, antiga entrada á estación de metro de Madrid, doado á vila polo concello da capital, así como a casa da Botica Nova, propiedade do irmán de Palacios como vivenda e farmacia da vila.
O Porriño é un enclave de rutas, un cruce de camiños que articulou unha vila típica das zonas de intercambio, un espazo dinámico e aberto ás influencias. A arte e o patrimonio son a herdanza dun pobo, e cando máis continuidade se atopa nesta herdanza, máis se fala dun pobo con nome propio e orgulloso do seu pasado, como firme apoio cara ao futuro que nos espera.