O sendeiro dos Muíños, de dificultade media – baixa, ten 8 quilómetros de lonxitude e transcorre por zonas de elevado interese natural e etnográfico. O percorrido realízase case na súa totalidade por pistas de terra en bo estado.
O punto de partida é a igrexa parroquial de Santa Baía de Atios, do século XVIII. Dende alí avanzamos polo camiño do viacrucis, conxunto de 14 cruces das que poderemos observar un bo número delas. No barrio do Castro apreciaremos o seu cruceiro, posiblemente do século XVIII, así como os muíños de auga. Entre penedos de formas curiosas chegamos aos puntos máis elevados do percorrido, con fermosas vistas: A Veiguiña, o Alto do Corvo e o Penedo do Porco Rachado, coa mellor panorámica posible sobre as canteiras de granito rosa do Porriño. Logo, o percorrido descende, pasa moi preto das canteiras e remata de novo na igrexa parroquial de Atios.