Torneiros é a parroquia máis próxima ao núcleo urbano do Porriño e o espazo natural de expansión da vila. De feito conta con servizos comunitarios de grande importancia e cinco polígonos de vivendas que o converten no segundo núcleo de poboación do municipio. | |
Entre os lugares máis salientables que poderemos visitar nesta parroquia destaca sobre todo a Igrexa de San Salvador, patrón desta, construída no ano 1765 e reedificada en 1801, cunha impoñente fachada coroada por unha soberbia torre con balaustrada. | |
Tamén destaca a capela de San Roque, cun gran raizame popular, na que se celebra a soada romaría o 16 de agosto de cada ano, e que deu xerme á coñecida copla de “Hei de levarlle unha vela / a San Roque queridiño / e pra o canciño que ten/ un pantrigo do Porriño”. | |
Por outra banda, tamén sobresae Torneiros polos seus cruceiros, como os da Mota, Celeiro e o dos Matos, que antigamente recibía unha gran cantidade de ofrendas en forma de produtos do campo coas que os veciños lle pedían un ano de boas colleitas. | |
A historia desta parroquia destaca polos sucesos derivados da Guerra da lndependencia. Nos seus campos librouse a batalla do Fulgueiro, logo do fusilamento do sancristán da parroquia don Manuel de Matos, a tarde do 12 de marzo de 1809, feitos que motivarían a rebelión popular contra os franceses e a posterior liberación de toda a vila do Porriño. |
|
Barrios: Casal de Vello, O Contrasto, A Florida, A Gándara, A Mota, O Naval, A Pereira, A Relva, A Ribeira, O Seixo. | |
Advocación: San Salvador |
|
Festas populares: San Rosendo, primeiro domingo de marzo. Virxe das Flores, último domingo de maio. Festa da Xuntanza, outubro. San Roque, 16 de agosto. |