A parroquia é atravesada polo río Louro e o regato de Centeáns, hidrografía que lle concede á parroquia unha gran fertilidade e o seu propio nome, derivado da gran cantidade de pontes e pontellas que salvan o leito dos ríos.
|
|
Entre os monumentos de Pontellas destaca a súa igrexa parroquial, que está baixo a advocación do apóstolo Santiago. Foi construída no ano 1600 e reedificada practicamente na súa totalidade en 1775. Trátase dun edificio moi sobrio con planta de cruz latina e nave única. |
|
Nesta parroquia atópanse edificios nobiliarios de grande importancia histórica. A Quinta do Adro está situada no barrio de Centeáns. Foi fundada en 1479 e habitada ao longo dos séculos por diversas familias. Trátase dun pazo en forma de L que impresiona pola súa falsa fachada pechada, rematada por pináculos e ameas. |
|
Pontellas conta con dúas capelas. A de San Paio é quizais a máis antiga da parroquia, aínda que foi restaurada amplamente en 1901. A capela de San Campio, reedificada en 1886 e ampliada en 1917, grazas ás achegas dos emigrantes en Brasil, conta con gran devoción popular. Nela celébranse as festas, nas que os fieis recollen a suor do santo nun pano que, segundo se di, ten propiedades para curar a reuma. |
|
O Pazo de Cadaval foi fundado no século XIV por don Vasco González de Cadaval. A antiga casa-fortaleza posuía dúas torres, contrafosos e troneiras, e foi destruída por Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga. Cos materiais daquel antigo pazo reconstruíuse o novo edificio en 1842, que aínda conserva unha impresionante torre que preside o conxunto. Existen tamén en Pontellas fermosos cruceiros, como os de Centeáns, Pousadela e San Campio, e muíños de auga. |
|
Barrios: A Abelenda , A Arrotea, A Bouza, Cadaval, A Cantoña, Centeáns, Cochilra, A Igrexa, A Louriña, O Outeiro, A Pousadela, Quintela, Santo André e A Sé. | |
Advocación: Santiago | |
Festas populares: San Campio, terceiro domingo de xullo. San Paio, domingo seguinte ao 5 de agosto. |