SAÚDA DO ALCALDE DO PORRIÑO
Quero dar a benvida a todos os porriñeses e porriñesas que vos achegades a esta páxina web a través da cal facilitaremos toda a información sobre o noso concello e que tamén servirá como elemento de participación na vida pública.
A participación cidadá é dun dos nosos eixos fundamentais, por iso as portas do voso Concello estarán sempre abertas e tras elas atoparedes a un equipo de porriñeses e porriñesas dispostos a atender as vosas necesidades. Pero estes tempos esixen doutras ferramentas que nos permitan establecer máis canles de contacto e por iso tedes á vosa disposición este portal web, unha plataforma activa e directa que relaciona aos veciños e veciñas coa administración local e tamén para realizar moitos dos vosos trámites.
Vós mellor que ninguén coñecedes O Porriño e as súas necesidades, e por iso queremos escoitar as vosas inquedanzas e opinións. Traballando da man conseguiremos o que todos queremos: un Porriño mellor.
Para min hai dúas palabras que definen a un bo alcalde: traballo e compromiso. Estar ao servizo dos meus veciños e veciñas é un regalo e a maior das honras e, por iso, adícome en corpo e alma ao noso pobo. Pero necesitamos de todos vós para conseguir ese obxectivo común: un Porriño mellor, a áltura da súa xente e onde todos e todas teñen voz.
Non quero finalizar estas liñas sen enviarvos dende aquí un sentido abrazo a todos os porriñeses e porriñesas, e tamén a todos aqueles que sen ser de aquí facedes da nosa terra a vosa.
Un saúdo do voso alcalde:
M. Alejandro Lorenzo – Caroca