O Porriño aposta pola modernización das súas infraestruturas deportivas cunha intervención no pavillón do CEIP Fernández López

 

  • Un proxecto que transforma as instalacións deportivas en espazos modernos, accesibles e ao servizo de toda a comunidade.
  • Incluirá unha extensa zona verde de 800 m², que complementará o contorno escolar cun espazo atractivo para o lecer e a convivencia.
  • Esta actuación é parte do compromiso municipal e da Deputación de Pontevedra por mellorar as infraestruturas locais, fomentando un Porriño máis inclusivo e preparado para o futuro.

 

Xa están en marcha as reformas no pavillón deste centro escolar cunha intervención promovida no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) da Deputación de Pontevedra. Con un investimento total de 157.086,58 €, as actuacións teñen como obxectivo modernizar e mellorar a accesibilidade das instalacións deportivas, beneficiando tanto ao alumnado como á veciñanza do Porriño.

As melloras previstas inclúen unha ampla serie de intervencións. O pavillón será ampliado para que o terreo de xogo cumpra coas medidas regulamentarias, permitindo deste xeito albergar competicións oficiais de baloncesto, balonmán e tenis. Tamén se construirá un baño adaptado para persoas con mobilidade reducida, garantindo a inclusividade de todos os usuarios.  As actuacións destinadas á accesibilidade contemplan a instalación de novas rampas, pasamáns e barandas, facilitando o acceso a todas as persoas.

Ademais, a reforma exterior incluirá medidas para previr humidades e a incorporación dunha varanda de vidro que mellorará a seguridade nas instalacións. Finalmente, crearase unha extensa zona verde de 800 m², que complementará o contorno escolar cun espazo atractivo para o lecer e a convivencia.

O financiamento desta obra está repartido entre a Deputación de Pontevedra, que achegará o 77% do orzamento cunha contribución de 120.974,93 €, e o Concello do Porriño, que asumirá os 36.111,65 € restantes. Este esforzo compartido subliña o compromiso conxunto por mellorar as infraestruturas deportivas da localidade.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a importancia desta obra, afirmando:

“Esta é unha obra moi necesaria para que o alumnado do CEIP Fernández López e o resto da veciñanza dispoñan de instalacións deportivas modernas, accesibles e axeitadas para competicións oficiais. Seguimos traballando por un Porriño máis inclusivo e preparado.”

Estas melloras non só beneficiarán ao alumnado do CEIP Fernández López, senón que tambén proporcionarán instalacións deportivas modernas e accesibles para toda a veciñanza, fortalecendo o benestar comunitario.

As ditas actuacións reforzan o compromiso do Porriño coa mellora das infraestruturas locais, garantindo espazos de calidade para a práctica deportiva e o lecer. Con iniciativas como esta, o Concello segue avanzando para construír un Porriño máis inclusivo, moderno e preparado para as necesidades da súa cidadanía.

Porrriño vive outra edición de “Merca na rúa”

Porriño está a vivir “Merca na rúa” cun bó ambiente de público e ventas. 
O tempo aliouse este mediodía para un mellor disfrute do arranque da XX edición da Feira de Oportunidades que promove Acipor coa colaboración do Concello de Porriño.
O evento continuará ata o domingo en horario de 11 h a 20 h.

O Porriño amosa o seu orgullo polo Premio da Cultura Galega ao Festival de Cans, o primeiro festival de cinema que recibe esta distinción

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañou este venres ás veciñas e veciños de Cans que viaxaron ata o mosteiro de Montederramo, na Ribeira Sacra, onde Keka Losada -presidenta da Asociación Arela-, Alfonso Pato e a “Señora Alicia”, veciña de Cans que colabora activamente co festival, recibiron hoxe o Premio da Cultura Galega que outorga o Goberno de Galicia.

O xurado indicou que o galardón para Festival de Cans,  está baseado no feito de que é “un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.”

García de la Torre amosou o orgullo de todas as veciñas e veciños do Porriño por esta distinción, “a máis importante no eido cultural que outorga o Goberno de Galicia e que, e isto ainda afonda máis o orgullo de ser do Porriño e o recoñecemento ao traballo da organización e dos veciños de Cans, é a primeira vez que se conceda a un festival de cine”.

A alcaldesa confirmou que “o meu compromiso, como fixen dende que cheguei á Alcaldía”, é seguir incrementando a colaboración, “en todos os ámbitos”, dende o Concello do Porriño co Festival de Cans, empezando pola achega económica que, lembrou Eva García de la Torre, xa foi na edición pasada a máis alta da historia do festival.

Todo listo para o acendido do Alumeado de Nadal, este mércores, día 5 ás 8 e media da tarde na Praza de Antonio Palacios

O Porriño ultima os últimos arranxos para o acendido do alumeado de Nadal, este mércores, día 5 de decembro, ás 8 e media da tarde, na Praza de Antonio Palacios, un acto que estará animada pola actuación de ‘As Maimiñas’.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, supervisou persoalmente a colocación das luces e da decoración que, subliñou, terá un custo inferior ao do ano pasado,“chegará a todas as parroquias” e, por primeira vez, tamén á zona da oficina de Correos ao redor das rúas Enrique Peinador, O Pinar e Cruceiro.

García de la Torre deu especial importancia ao “intenso” programa de actos e actividades de lecer, “especialmente para as pequenas e pequenos”, deseñado polo Concello este Nadal e que, lembrou, abrangue exposicións, festivais, música, teatro, obradoiros, os anunciados Campamentos para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, amais do da “xa tradicional e propia do Porriño,  Festa Pre-Fin de Ano”, a Cabalgata de Reis, a visita de Papa Noel o novo Concurso de Rondallas e, por suposto, a Cabalgata de Reis.

A estas actividades súmanse outras para todos os públicos coma o Festival de Panxoliñas (o día 15), o Festival de Nadal da Escola Municipal de Música (o día 20), o Concerto de Jazz (os día 21 e 22), a Gala Benéfica da Asociación Bastón ( o día 22 no Centro Cultural Municipal), o Flashmob e exhibición de baile Studio 57 (o domingo 23) ou o Concerto da Orquestra de Cámara Galega, o 6 de xaneiro.