O Concello do Porriño informa de que xa está aberto o prazo para presentar as solicitudes para beneficiarse das subvencións municipais ás comunidades de auga potable, que este ano 2021 teñen un importe total de 95.000 €.

A convocatoria publicouse o pasado martes 2 no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), entrou en vigor a partir do día seguinte e polo tanto, por un período de dous meses.

A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.

Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 8.000 euros por asociación.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros nas achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.