O Porriño foi esta fin de semana o epicentro da cultura, a festa e o lecer nunhas Festas do Cristo que congregaron a milleiros de persoas atraídas pola música, o humor, a programación infantil e os actos relixiosos. Unha fin de semana longa que rematou a golpe de luns —festivo na localidade— coa Orquestra Panorama dando o do de peito no aparcadoiro do Progreso, xusto no mesmo lugar onde, durante todas as xornadas, distintas xeracións se xuntaron para ver a Kate Ryan, D. Valentino ou Gabriel Fandi.
Tamén a praza do Concello foi un fervedoiro de xente cos concertos de Sés ou de Gisela, así como co espectáculo de Queimán Folk. Mentres tanto, as charangas e os cabezudos levaron o ambiente día e noite por unhas rúas ateigadas de persoas: grandes e pequenos que demostraron que setembro tamén é un mes para gozar.
A presentación do libro As aventuras de Coralita, os obradoiros infantís, Gisela que ateiguou por completo a praza do Concello, foron algunhas das citas máis destacadas para a cativada.
A procesión do domingo, coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a delegada da Xunta, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, entre outras autoridades, foi o culmen dos actos relixiosos, os cales continuaron este luns coa misa de campaña.
A Coral Polifónica da EMMUS do Porriño, a Banda de Guerra da BRILAT, a Banda de Música do Porriño e o Grupo de Gaitas Arume de Malvas acompañaron a imaxe do Cristo durante os actos.
As actividades continúan
Catro intensas xornadas para gozar das actividades e das orquestras que pasaron polo Porriño, cumprindo a máxima que deixou Janet Novás no seu pregón: “que o bailar sexa o noso acto de resistencia a todo aquilo que nos quere separados, distraídos ou insensibles”.
E esa máxima continúa, porque O Porriño vive sempre dúas semanas grandes co denominado “Recristo”, que se celebrará a vindeira fin de semana cun elemento central: a gastronomía. A Festa dos Callos presentarase este martes ás 11:00 h na praza do Concello, coa presenza dos hostaleiros da vila, principal baluarte desta celebración.

