A zona peonil converterase nun gran escaparate ao aire libre de 10:00 a 21:00 horas para dinamizar o comercio local e ofrecer grandes descontos

O Porriño, 2 de setembro de 2026. Quen estivo algunha vez en Merca na rúa saben que aparecen produtos de primeira calidade a prezo de mercadiño. Esa é a filosofía. Que a veciñanza note menos a costa de setembro e que os comercios do Porriño liberen no seu stock. Este concepto leva sendo un éxito durante anos, e esta vez non vai ser diferente. Así, a zona peonil do Porriño volverá ser o epicentro do comercio de proximidade este venres 4 e sábado 5 de setembro coa celebración da XXXIV edición da Feira de Oportunidades “Merca na Rúa”. 

O evento, organizado pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) coa colaboración do Concello do Porriño, busca dinamizar a economía local e achegar aos veciños e visitantes unha ampla variedade de produtos con descontos e condicións especiais.

Durante as dúas xornadas, os establecementos participantes trasladarán a súa oferta directamente á rúa en horario continuo de 10:00 a 21:00 horas, creando un espazo aberto e dinámico para fomentar o consumo responsable e o apoio ao comercio do municipio. Todo ao longo da rúa peonil. 

“Dinamizar o comercio local é dinamizar a vila”, explica o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo. 

A iniciativa conta ademais co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través da súa liña de apoio ao comercio galego. Con esta nova convocatoria, “Merca na Rúa” revalida a súa importancia como unha das citas máis consolidadas do calendario comercial porriñés, promovendo a actividade económica do centro urbano e o compromiso coa vida social da vila.