- A Shopping Night do venres e o gran desfile do sábado converteron a vila nun fervedoiro de xente, superando todas as expectativas de participación e vendas.
O Porriño, 25 de abril de 2026.- O Porriño pecha unha fin de semana histórica na que o comercio local demostrou a súa forza e capacidade de convocatoria. A cuarta edición da Fashion Weekend saldouse cun éxito absoluto, cumprindo o obxectivo de dinamizar a economía local e situar á vila no mapa das grandes citas da moda en Galicia.
A programación arrancou o venres coa Shopping Night, onde o comercio local viviu unha xornada de actividade frenética coas tendas abertas ata a media noite, veciños e visitantes aproveitaron os descontos e sorpresas nun ambiente festivo grazas á música dos seis DJ’s que encheron de ritmo as rúas do centro.
Tres horas de moda e a sorpresa de Maison
O prato forte chegou o sábado coa gran pasarela na Praza Antonio Palacios. Durante tres horas de desfile, conducido pola carismática Lucía Rodríguez, o público puido coñecer de primeira man as propostas do comercio local grazas aos modelos de Small Big Models .Os 27 establecementos participantes e as 10 perruquerías e salóns de beleza implicados demostraron o músculo do comercio local e o ben que lucen sobe a pasarela. Nada que envexar, como se dixo na presentación, a Milán ou Paris.
Un dos momentos máis aplaudidos da tarde foron as intervencións da escola Maison. Os seus alumnos protagonizaron pases con actuacións integradas que achegaron unha gran frescura á pasarela. Porén, o momento máis impactante foi un flash mob multitudinario que pillou ao público por sorpresa: unha decena de artistas xurdiron de lugares insospeitados, como o balcón do Concello e outros puntos estratéxicos da praza, creando un espectáculo visual e sonoro que deixou a todos os asistentes abraiados.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do evento: “Dixemos que non tiñamos nada que envexar a Milán ou París, e hoxe quedou demostrado. O Porriño é unha vila viva e o noso comercio é o mellor motor para a cohesión social e económica”.
Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, destacou a gran afluencia de visitantes: “Conseguimos que a xente vivise unha experiencia única. A resposta do público e o esforzo dos comerciantes fan que a Fashion Weekend sexa xa unha cita imprescindible, como imprescindible todo o ano é o noso comercio local”.
A xornada completouse coa espectacular performance de Pablo Méndez, poñendo o broche de ouro a unha fin de semana onde a moda, a música e o talento local foron os únicos protagonistas.


