- O espectáculo SubUmbra de Troula Animación puxo o fin de festa coa devolución do bastón de mando ao alcalde, Alejandro Lorenzo.
- Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos voltaron tomar as rúas nunha edición que superou os rexistros de inscritos nas probas olímpicas de adultos e no Gladiator Kids.
- Os pregoeiros desta edición, os creadores de contido Galidrone, xa publicaron nas súas redes o reel oficial do evento.
O Porriño, 27 de xullo de 2026.— O Porriño volve á rutina semanal despois de revivir a Gran Batalla das Civilizacións durante este fin de semana. A décima edición de Porrigalia despediuse este domingo cun balance moi positivo, destacando o gran ambiente nas rúas e a alta participación da veciñanza e visitantes que se caracterizaron de galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos.
O broche de ouro da celebración tivo lugar o domingo pola noite na Praza Arquitecto Antonio Palacios coa representación do espectáculo SubUmbra, a cargo da compañía Troula Animación. Trala actuación, celebrouse o acto simbólico de Entrega do bastón de mando, no que o Rei Castrexo (interpretado polo actor Pepo Suevos) lle devolveu o poder ao alcalde, Alejandro Lorenzo, quen o sábado fora “destronado” para dar paso á comedia e ao espírito olímpico.
Unha fin de semana de olimpíadas, historia e música
A esencia da festa volveu ser a recreación histórica combinada co deporte e a comedia. As Probas Olímpicas, motor principal do evento, acadaron este ano un récord de participacións. As diferentes delegacións mediron as súas forzas en probas de habelencia e resistencia tanto o sábado como o domingo na Praza do Cristo e na rúa Ramón González, contando ademais coa participación do propio rexedor local.
O público infantil tamén tivo un protagonismo especial coa proba de obstáculos Gladiator Kids na Praza 8 de Marzo, que completou o seu cupo de inscritos, ademais dos obradoiros, pases de cetrería e o programa de animación ao longo da fin de semana.
No apartado social e dixital, os creadores de contido Sergio e Daya (Galidrone), encargados de dar o pregón o sábado, xa compartiron nas súas redes sociais o reel resumo cos mellores momentos da festa, levando as imaxes do Porriño a unha comunidade de máis de 200.000 seguidores. . Durante o seu discurso expresaron o orgullo de levar o nome do Porriño por todo o mundo e destacaron a calidez da súa xente. “Para nós é un orgullo enorme estar hoxe aquí. Porque vemos a sorte de percorrer medio mundo contando historias. Coñecemos lugares impresionantes. Paisaxes únicas. Cidades cheas de historia. Pero hai unha historia que sempre contamos con máis orgullo ca ningunha outra. A do Porriño”, dixeron
Trala lectura do pregón, e antes de decretar o inicio oficial dos X Xogos Olímpicos de Porrigalia, gravaron o primeiro plano dun reel que de seguro xa suma milleiros de reproduccións. Foi no momento en que o alcalde, Alejandro Lorenzo, como última vontade concedida polo Rei Casrtexo, deu paso a Charanga Caliqueños que interpretaron o Himno de Galicia para celebrar o Día de Galicia tamén na localidade.

















