• Existen tres zonas de aparcamento gratuíto no entorno do pavillón: os dous aparcamentos xa existentes na rúa Antonio Palacios e o aparcamento situado en fronte da pista de tenis, na rúa Fernández Areal.

O  Porriño, 18 de maio de 2026 . Este martes 19 de maio, o Polideportivo Municipal do Porriño acollerá o primeiro Foro de Emprego  e Desenvolvemento Profesional O Porriño Conecta Talento. Este gran encontro, orientado a conectar o talento local con oportunidades laborais nunha contorna dinámica, reunirá a máis de 50 empresas e entidades de sectores estratéxicos como a automoción, industria, alimentación, loxística, banca e innovación.

Cun firme compromiso pola inclusión, a organización confirmou que o evento será totalmente accesible. Para facilidade dos asistentes, todo o aparcamento da Piscina Municipal estará reservado exclusivamente para persoas con mobilidade reducida. Para o resto do público, existen tres zonas de aparcamento gratuíto no entorno do pavillón: os dous aparcamentos xa existentes na rúa Antonio Palacios e o aparcamento situado en fronte da pista de tenis, na rúa Fernández Areal.

Ademais, no eido da accesibilidade comunicativa, a agardada conferencia de clausura do recoñecido experto Emilio Duró contará con tradución simultánea á linguaxe de signos.

Contacto directo coas grandes empresas

O espazo expositivo Talent Hub permanecerá aberto de 09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. Alí, os candidatos poderán establecer contacto directo con firmas de referencia como Zendal, Magna, BorgWarner, Constellium, Unimate, Maier Ferroplast, Seur, Serveo, Mapfre, Abanca, Aimen, Ceamsa ou Citic Censa, ademais de diversas empresas de traballo temporal.

Á súa chegada, os asistentes poderán consultar no stand de Porremprego os perfís profesionais demandados e solicitar unha das citas limitadas para realizar entrevistas. No caso de non conseguila, poderán enviar a súa candidatura directamente escaneando os códigos QR que cada compañía terá visibles no seu stand.

Entre os perfís máis demandados destacan postos vinculados á industria, mantemento, robótica, soldadura, loxística, administración, enxeñaría e atención ao cliente. “O obxectivo principal é desmitificar a entrevista de traballo e achegar a realidade dos despachos de selección á rúa, amosando o que de verdade valoran as empresas”, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño.

Programa Completo: Horarios e Actividades

A xornada complementarase con relatorios, obradoiros e mesas redondas clave para coñecer o que buscan as organizacións “detrás do currículo” nesta Galicia de 2026.

🕒 Horario de Mañá

  • 09:30 h. – Recepción de asistentes (Acreditación, benvida e recollida de documentación).
  • 09:30 a 14:00 h. – Apertura do espazo Talent Hub.
  • 10:00 h. – Apertura e inauguración oficial das xornadas.
  • 10:30 h. – Relatorio: “Oferta formativa Universidade de Vigo” (Área de Captación de Alumnado da UVigo).
  • 11:00 h. – Sesión Coach: “Actitude que transforma: claves para converter metas en logros”, impartida por Joaquín Dosil.
  • 12:00h.– Visita do Conselleiro de Educación.
  • 12:30 h. Talent Briefing: Necesidades reais de talento no mercado laboral. Unha mesa de debate con directores de Recursos Humanos de empresas punteiras (CITIC, Gonvarri, Zendal, Constellium, GANAIN, Magna, Clece, Grupo Taprega e CEAMSA).
  • 13:30 h. – Espazo de networking con aperitivo.

🕒 Horario de Tarde

  • 16:00 a 19:30 h. – Reapertura do espazo Talent Hub.
  • 16:00 h. – Obradoiro práctico: “Motivación e Habilidades para a Búsqueda de Emprego: Descubre o teu Oceano”, impartido por Pedro Rodríguez.
  • 17:00 h. Talent Pitch: “O teu talento en 2 minutos”.
  • 17:30 h. – Conferencia inspiradora: “Vivir con Sentido, Optimismo e Esperanza” a cargo de Emilio Duró (Traducida á linguaxe de signos).
  • 19:00 h. – Acto de Clausura e peche institucional. Co alcalde do Porriño e o conselleiro de Emprego.